O programa inclúe obradoiros de cociña entroideira e de disfraces para a rapazada

Fene vai de Entroido

Inicio   Fene hoxe  

A orquestra Panamá arrufará a verbena do Mércores de Cinza

Até o vindeiro 19 de febreiro o Concello de Fene mantén aberto o prazo de inscrición para as agrupacións que queiran participar no desfile e festival de comparsas que terá lugar o Mércores de Cinza, festivo local no Concello de Fene. Como é tradicional, o programa deste día grande do Entroido fenés completarase coa lectura do Testamento, a queima do Antón e cun espectáculo pirotécnico que dará paso á actuación da orquestra Panamá.

O ciclo "Fene vai de entroido" comezará xa o luns 24 de febreiro cun obradoiro de cociña entroideira dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos (acompañados dunha persoa adulta). Nel, os/as participantes elaborarán en parellas doces típicos do Entroido coma rosquillas, orellas ou torradas. O taller "Cociñamos en familia!" terá lugar no Local Social do CCRD de Perlío en horario de 17 a 19 horas. A actividade é de balde pero o número de prazas é limitado (12 nenos/as + 12 adultos).

Para a xornada do martes 25 de febreiro o Concello de Fene programa un "Obradoiro de disfraces e xincana" no que un grupos de nenos/as de 6 a 12 anos (máximo 20 prazas) realizarán máscaras e complementos para personalizar o seu disfraz. Ademais, participarán na xincana "Na procura do Entroido" na que terán que superar unha serie de probas de destreza e inxenio. Todo iso entre as 11.30 e as 13.30 horas no local social do CCRD de Perlío.

Para incribirse en calquera dos obradoiros do ciclo "Fene vai de entroido" cómpre achegarse polo Departamento de Cultura do Concello de Fene do 12 ao 19 de febreiro en horario de 8.30 a 14.00 horas ou o mércores 12 de febreiro tamén en horario de tarde, de 16.00 a 18.00 horas.

A programación do 25 de febreiro, martes de Entroido, completarase cunha festa infantil (baixo carpa) a partir das 17.30 horas na Praza do alcalde Ramón José Souto González. Tamén se anuncia para ese día o tradicional reparto de lambetadas de Entroido para a que colaboran este ano os establecementos: Repostería Sara, Bollería Delipán, Panadería A Broa, Panadería Amaría, Panadería El Cruce, Panadería Ramón, Repostería Martínez e Supermercados Gadis.

O Entroido de Fene concluirá o mércores 26 de febreiro co desfile e posterior festival de comparsas. As agrupacións participantes concentraranse ás 17.30 horas en Perlío, fronte o establecemento Aguilar, para percorrer a Avda. Marqués de Figueroa, Cruce de Fene e Avda. Naturais, ata chegar á praza do alcalde Ramón José Souto González, onde terá lugar, coa presenza da Viuva do Entroido, a actuación das comparsas.

Rematado o festival, procederase a dar lectura ao testamento do Entroido que precede á queima do Antón e ao espectáculo pirotécnico. E xa como fin de festa, o Concello de Fene despedirá o Carnaval ao son da orquestra Panamá.

Descargas