Novas

01-03-2019

Dezasete comparsas participarán este ano no desfile e festival do Entroido fenés

A Canteira, Oje de Ferrol, Paso a Paso, Os argalleiros, A revolta de Trasancos, Os parrandolos, As científicas de Centieiras e Os Scratchados. Son as comparsas que este ano actuarán no festival que o Concello de Fene organiza para o Mércores de Cinza, día grande do Entroido fenés. Previamente, e canda elas, tomarán parte no tradicional desfile de comparsas polas rúas do concello: Os colludos, Troupele troupele, As Xoaniñas de Chao, Colexio Belén, Retrinche mexicano, A comparsa da Semente, Os mecos, Patrulla verde de Domus Vi e Domus Vi. 
27-02-2019

Fene vai de Entroido con festa infantil, desfile e festival de comparsas e actuacións de Los Zares e da Orquesta Olympus

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou esta mañá o programa dos festexos, que se celebrarán martes 5 de marzo e mércores 6 de marzo baixo carpa na praza do Alcalde Ramón Souto González
22-02-2019

O Concello convida este domingo á veciñanza a celebrar o Día de Rosalía cunha degustación do Caldo de Gloria

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, convida a veciños e veciñas a celebrar este domingo 24 o Día de Rosalía achegándose a partir das 12 horas aos xardíns que levan o nome da escritora en Perlío e participando da programación deseñada polo Concello. Arrancará coa ofrenda floral, e o grupo de teatro Xosé María Pérez Parallé do CMI Unidade de Fene recitará poemas da escritora. De seguido, actuará o Tradicoro, que interpretará poesías de Rosalía e, ao remate, o alcalde, Gumersindo Galego, pronunciará unhas palabras. Sobre as 12,30 h, a praza da escola do Ameneiral será o escenario central onde o Concello convide á veciñanza a unha degustación popular do “Caldo de Gloria” segundo a receita que a propia Rosalía legou no seu poema “Miña casiña, meu lar”. Ademais, e ao longo da toda a mañá, realizarase un bookcrossing na parroquia de Perlío de 50 libros de Rosalía.
15-02-2019

O Concello ofrecerá no Día de Rosalía unha degustación do “Caldo de Gloria” segundo a receita que a escritora legou no seu poema “Miña casiña, meu lar”

A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanzou esta mañá a completa programación de actos previstos polo Concello para conmemorar en Fene o Día de Rosalía, que se celebrará o 24 de febreiro. Pero, previamente á xornada central, dende este luns 18 e ata o domingo 24, a Biblioteca Municipal Xosé María Pérez Parallé albergará unha exposición de fondos bibliográficos con obras da autora galega ou sobre ela. Así mesmo, o Concello está a distribuír por todo Fene, e con especial atención aos establecementos hostaleiros, un díptico coa receita do “Caldo de Gloria”.
08-02-2019

O Concello de Fene abre a inscrición no Festival de Comparsas de Entroido 2019

Fene acollerá o mércores 6 de marzo o seu tradicional desfile e festival de comparsas de Entroido e, para fomentar a participación, este ano a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, avanza un incremento da partida reservada para axudas ás comparsas, dos 6.500 euros do 2018 aos 7.500 deste ano. O prazo para apuntarse está aberto e debe formalizarse no Rexistro Xeral do Concello con anterioridade ás 14 horas do martes 26 de febreiro.
14-01-2019

A Casa da Cultura acolle a exposición de pintura e debuxo “Des_amparo” de Laura Bouza

A creadora Laura Bouza inaugurou o pasado venres a súa exposición “Des_amparo” na Casa da Cultura de Fene, nun acto no que estivo acompañada polo alcalde, Gumersindo Galego. Trátase dunha exposición de pintura e debuxo que se adentra na evolución e fases do alzheimer, enfermidade sobre a que xira toda a mostra.
04-01-2019

Os Reis Magos visitarán Fene este sábado para atender as peticións dos máis pequenos da casa

Convidados polo Concello, as súas Maxestades os Reis Magos de Oriente visitarán Fene este sábado para facer un percorrido polas rúas do municipio e compartir a tarde cos máis pequenos da casa. Atenderán as súas peticións e, preto da noitiña, partirán para iniciar o reparto de agasallos polos fogares do municipio.
28-12-2018

Os Reis Magos buscan paxes en Fene

As súas Maxestades os Reis Magos de Oriente están a reclutar paxes reais en Fene para que os acompañen no seu percorrido polo municipio. Así, convidan a todos os nenos e nenas de entre 6 e 12 anos a participar na Cabalgata que organiza o Concello, a través da Concellería de Cultura.
27-12-2018

A Banda da Loba presenta este venres en Fene o seu espectáculo “Bailando nas rúas”

A Banda da Loba chega mañá venres a Fene co seu espectáculo “Bailando nas rúas”. Actuará no local da SCRD O Pote a partir das 20,30 horas nun concerto organizado pola Concellería de Cultura de Fene que dirixe Rocío Bértoa.
27-12-2018

A Casa da Cultura acolle este venres o contacontos de Celtia Figueiras Rama

A narradora Celtia Figueiras Rama ofrecerá ós máis pequenos da casa “As estacións en contos”. Unha sesión organizada pola Concellería de Cultura nesta época de Nadal que terá lugar este venres ás 12 horas, con entrada libre e de balde, na Casa da Cultura.