Fene cidadán

Saltar menú

Concellería de Xuventude, Ocio e Deporte

Un total de 150 participantes da mellor calidade aspiran a convertir o Trofeo de Judo Concello de Fene nun campionato sobresalinte

27 de xaneiro de 2010 Hoxe presentábase o evento deportivo que terá lugar no Pavillón de San Valentín este sábado e que celebra xa a súa cuarta edición.

O campionato de Galicia Junior pretende consolidar, difundir e promocionar este deporte olímpico no concello fenés.

Esta mañá tiña lugar a presentación do IV Trofeo de Judo Concello de Fene (Campionato de Galicia Junior), que está a convertir a Fene nun referente de cita deportiva non só para judokas da comarca, senón tamén para os máis destacados deportistas neste deporte do resto de Galicia.

Un total de 150 deportistas, 112 na categoría masculina e 38 na categoría feminina tomarán parte neste trofeo encadrado no convenio de colaboración iniciado fai tres anos entre a Federación Galega de Judo e o Concello de Fene.

A edil de Deportes, carmen Silvar, destacaba a importancia da continuidade deste evento deportivo puntuable para o campionato de España, xa que permite “promober e promocionar este deporte, de gran seguimento no concello grazas tamén as escolas deportivas, e que seguiremos apoiando coa nosa colaboración e participación en  trofeos como o que hoxe estamos a presentar”.

Pola súa banda, Francisco Martínez Merlán, Delegado de Ferrol da Federación Galega, cualificaba este trofeo como “un dos campionatos máis importantes de Galicia, non só pola súa alta participación, senón tamén pola gran calidade dos participantes”.

O Campionato Galego de Judo sub 20 é sen dúbida un dos máis destacados, xa que supón a ponte entre as categorías inferiores e a alta competición. Ademáis participan nel os mellores judokas galegos da categoría, que xa demostraron o ano pasado o alto nivel que ten Galicia neste deporte coa medalla de prata do campionato de Europa de Sara Álvarez e a de bronce do Campionato do Mundo de Alejandro Sanmartín.

Este campionato é clasificatorio para os judokas galegos de cara á participación no Sector Nacional Oeste do Campionato de Estaña Junio que terá lugar os días 20 e 21 de febreiro en Santoña (Cantabria). Tan só o primeiro obtén a oraza directa para o sector, e os demáis medallistas poderán ser repescados polos técnicos da Federación.

Alberto Castro, seleccionador galego de Kadette, fixo referencia tamén ao gran nivel existente entre os participantes da comarca que estará representada por 11 aspirantes a conseguir medalla: Ana Dapena, Sandra Dopico, Daniel Trillo, Sergio Pereira, pablo Trillo, Sofía Placer, Antonio Lopez, Alex Pena, Carlos Enríquez, Héctor Loureiro e Lázaro Rodríguez.

No tocante ao programa oficial do campionato, a pesada realizarase de 12:30 a 13:30, a reunión arbitral ás 16:00 e xa a partir das 16:30 comezarán as eliminatorias e repescas. Ás 19:00 comezarán as finais e ás 19:30 realizarase a entrega de trofeos e a clausura.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

Concello de Fene. Avda do Concello s/n. Teléfono 981 492 707
© Fene Cidadán 2006

Fene Concello

Subvencionado por:
Xunta de Galicia. Consellería de Innovación e Industria. Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información